Mostrando entradas con la etiqueta David Rodríguez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta David Rodríguez. Mostrar todas las entradas

viernes, 23 de abril de 2021

18. Galicia no capitalismo total. A sociedade á intemperie.

Na conferencia que David Rodríguez deu na Semana de Filosofía de Pontevedra, adicada á Civilización Dixital, o autor (quen non) teima nos seus demonios: a dilución do pobo galego no capitalismo total, absoluto, incontestable dos últimos séculos; e faino cunha potente metáfora histórica e literaria: a desaparición dos vagalumes, insectos que Rodríguez usa coma trasunto do pobo galego, e de tódolos pobos en tanto que sociedades enraizadas na terra e na memoria, pre-capitalistas, orgánicas. As nostalxias polas febles vivas luminarias dos vagalumes xurden como consciencia da diversidade humana varrida pola  normalización capitalista. Porén, alén de nostalxias e metáforas, a cuestión que o fermoso texto presenta é expresa e precisa: conseguirmos a tarefa inxente pero necesaria da resurrección do que eses insectos marabillosos e luminiscentes representan. 

David Rodríguez prendera xa a súa vista no asunto dos vagalumes desaparecidos en O canastro sen tornarratos, onde cruzan historia e reflexión polo esfarelamento da sociedade galega nas últimas décadeas e a auto-consciencia e defensa contra dese colapso. Neste libro Rodríguez tomaba a metáfora dos vagalumes de Pasolini, quen laiaba a perda dos mundos, falas e culturas vernáculas en Italia por mor dunha modernización quincalleira e vulgar, e en resumo denunciaba o espallamento dunha nova escuridade e pobreza revestida das vivas cores industriais. Desta vez, Rodríguez retomou a metáfora dos vagalumes como base da súa conferencia ao atopala tamén en outro Rodríguez, Castelao, de quen este está a escribir unha nova biografía. E o certo é que a metáfora dos vagalumes é potente e moi suxerente, pois funciona tanto no literario coma no histórico, e foi dándolle voltas a este asunto da desaparición física dos vagalumes -e do espertar das consciencias da súa desaparcición- que artellei unha resposta á súa cuestión da 'resurreción dos vagalumes'. Velaí vai. 




Ngram de Google recolle o interese crecente polos vagalumes nas distintas linguas (o ruso sufriu unha radical modernización gramatical en 1917, por iso semella empezar alí o uso) dende 1800, un interese disparado coa crise de 2008. A interpretación é dobre e un tanto paradoxal: o interese polos vagalumes xurde coa modernidade industrial e ven reforzada coas súas crises. Como sexa e alén do indudable valor das historias particulares -mágoa non Ngram non inclúa o galego-portugués-, a relación dos vagalumes co capitalismo e a súas crises é indiscutible. Ngram non fai senón evidenciar a forza da metáfora que David Rodríguez albiscou. E velaiquí tamén a resposta. Pois, que é este interese polos vagalumes perdidos senón a resurrección do que estes insectos marabillosos representan?      

Estes días atrás, por casualidade, din cunha historia curiosa que permite re-presentar a cuestión. El discurso criollista en la formación de la Argentina moderna conta as bases políticas, literarias e humanas nas que criou e desenvolveu a literatura nacional arxentina a finais do século XIX. E o chamativo do asunto foi que esta literatura nacional, casticista, folletinesca, popular, costumbrista, foi unha exaltación do gaucho polas masas emigrantes europeas que enchían os arrabaldes de Bos Aires. O gaucho, elemento mestizo e rural que xusto por entón desaparecía da vida arxentina, convertiuse en figura mítica co que as masas emigrantes europeas estableceron a súa identificación co país. Deixando atrás o rural europeo, os emigrantes italianos, galegos ou españois atoparon vencello coa gran urbe que se estaba a formar en Bos Aires a través dunha pantasma heroica do rural arxentino. Estas foron as paradoxales realidades literarias que criaron o mito criollo arxentino. 

Na nosa necesidade de voltar á vida aos vagalumes, tamén nós voltamos á terra coma emigrantes. Precisamos tecer un novo vencello coa terra, alén da propiedade e das súas ideoloxías productoras que mataron os vagalumes, nos desarraigaron e nos empobreceron. Como afirma David Rodríguez, estamos á intemperie, e hoxe ameaza Galicia unha choiva áceda que ven da Europa portando miles de millons de euros dun verde eléctrico, fosforescente e letal para os nosos montes, ríos e costas. Unha tupida rede de parques eólicos pretende converter Galicia nun xigantesco polígono industrial para pagar Madrid as súas xigantescas débedas con Bruselas. Porén, o crecente interese literario por eses bechiños proba que os vencellos están a ser tecidos en todo o mundo e tamén nesta terra. Galicia non está baleira.